Ás cinco da tarde do domingo día 22 de decembro o Bispo da diocese consagrará o altar e bendirá a nova igrexa do Centro Pastoral Xoán Paulo II situado no PAU e parroquia de San Pelayo de Navia. O centro que leva anos construíndose pertence territorial e xuridicamente á parroquia de san Pelayo e foi encomendado ao párroco don Alfredo Jorge Carreira, quen durante este tempo atendeu pastoralmente aos fieis dese polígono, botando man de moi diferentes iniciativas para que, aínda carecendo de locais adecuados, nunca estivesen espiritualmente desatendidos. Por iso a inauguración do novo templo é acollida como unha alegría e un alivio para todos.

O complexo parroquial é obra do estudo de arquitectos Castro e Alonso e, xunto co templo parroquial con capacidade para 500 persoas que vai ser inaugurado, inclúe ademais no seu proxecto definitivo outra capela para a adoración eucarística e as celebracións diarias, lugares para a reconciliación e os bautismos, diversas salas para actividades pastorais de catequeses, de formación e de caridade, despacho parroquial e vivenda para o sacerdote...
O templo foi construído baixo unha óptica de economía con custos mínimos asumibles: ladrillo cara vista nos cerramentos, pavimentos de gres con alternancia de pedra galega no presbiterio e estruturas de formigón armado que deron ao conxunto da obra un toque de sinxela modernidade configurando unha estrutura harmónica e apta para a oración e a celebración relixiosa. Co tempo os elementos decorativos que agora faltan -vidreiras, imaxes e demais mobiliario litúrxico-, irán configurando o proxecto final que o párroco, don Alfredo Jorge Carreira, ten xa moi claro nos seus desexos e ilusiones pero aínda non nas súas posibilidades reais.
O templo está dedicado ao Papa Xoán Paulo II, que como se sabe será canonizado o próximo día 27 de abril.
No hay comentarios:
Publicar un comentario