O 31 de agosto de 2015, ás 11 h, inaugurouse e bendeciuse a capela do novo hospital “Álvaro Cunqueiro” de Beade (Vigo).
A Eucaristía, presidida polo Delegado diocesán de pastoral da saúde D. Jesús Martínez Carracedo, estivo concelebrada polo vigairo de pastoral, D. José Vidal, e os sacerdotes D. Juan Benito Rodríguez, D. Juan Andión, D. Emilio Velasco e D. Luis Pose. E participaron na mesma tanto as relixiosas que traballan nos Servicios relixiosos dos hospitais Xeral-Cíes e Nicolás Peña, así como voluntarios de pastoral da saúde parroquial, profesionais sanitarios, familiares de enfermos e algún sacerdote máis.
Foi un momento especial, no que dende esa nova capela, lugar de oración e encontro co Deus da esperanza e da Resurrección, e de celebración do misterio da Eucaristía, invitábasenos a ser pedras vivas que fagan presente a ese Deus entre os enfermos, chegando a tódolos lugares do hospital, especialmente a aquelas persoas e familias que máis o necesiten ou estean máis soas.
Tamén se agradecía ós profesionais da saúde, voluntarios e familiares a súa laboura tan importante, transparentando a Xesús, que pasou facendo o ben e curando ós enfermos.
Con este acto deu comezo oficial tamén o Servicio de atención relixiosa católica. Aínda que viña prestándose dende o momento en que foron ingresados os primeiros enfermos. Así, a primeira celebración da Unción realizouse o día 25 de agosto na pranta 3ª Ala A (oncoloxía), a un varón.
A partir de agora, o equipo de atención relixiosa estará formado por: D. Ángel Bastos, Hna. Adela Cruz, D. Juan Benito Rguez e D. José Juan Sobrino Pino. Para calquera necesidade: chamar ó teléfono do hospital, ou se están ingresados, pedir no control de pranta que localicen ó servicio relixioso.

No hay comentarios:
Publicar un comentario